Este proxecto de tese de doutoramento pretende ocuparse do estudo da obra da poeta asturiana Olvido García Valdés (1950). De formación filolóxica e filosófica, é autora de varios poemarios publicados desde finais do século XX até os últimos anos do presente, con galardóns como o Premio Nacional de Poesía do ano 2007. Con todo, a súa produción no se limita a este xénero, senón que conta con traballos de tipo ensaístico, artigos sobre literatura, arte e cultura, textos para catálogos de exposicións de artistas varios, conferencias, traducións e edicións.
O meu obxectivo fundamental consiste en ofrecer unha análise exhaustiva da súa produción enmarcada no xénero lírico e establecer os trazos básicos da súa poética. Para isto, tomarase como punto de partida a lectura minuciosa dos seus textos poéticos, mais tamén daqueles de carácter teórico, co fin de proporcionar as claves das súas ideas e conceptos sobre o xénero e a posta en práctica nos seus propios poemarios.